Configurar Telegram
Esta guía acompaña a páxina de configuración de Telegram (Axustes → Integracións → Telegram → Configurar). É a canle de avisos máis rápida de activar: non necesita verificación de empresa nin modelos, e en poucos minutos tes o bot. Os pasos van numerados igual que as axudas baixo cada campo.
1. Que pide a páxina
En “Configuración Básica”, un “Nome da Integración” e o “Ambiente”. En “Credenciais”: o “Token do bot” (paso 1), o “Usuario do bot”, que remata en “bot” e úsase na ligazón “Conectar Telegram”, e o “Segredo do webhook”, que inventas ti (pasos 2 e 5).
Tras “Gardar Configuración” aparecen “Probar Conexión” e “Rexistrar webhook”. Cada empresa usa o seu propio bot.
2. Pasos 1 a 3: crear o bot
Paso 1. En Telegram abre @BotFather (o oficial, coa marca azul), escribe /newbot e responde co nome visible do bot e un nome de usuario que remate en “bot” (por exemplo, previna_notif_bot). BotFather devólveche un token con este aspecto: 123456789:AAE…; cópiao en “Token do bot” e o nome de usuario, sen a @, en “Usuario do bot”. Quen teña o token controla o bot: non o compartas.
Paso 2. Inventa unha cadea longa e aleatoria (32 caracteres ou máis) e escríbea en “Segredo do webhook”.
Paso 3 (opcional). En @BotFather podes poñerlle descrición e foto ao bot con /setdescription e /setuserpic.
3. Paso 4: gardar e probar
Preme “Gardar Configuración” e logo “Probar Conexión”. Se o token é válido, a integración pasa a activa. Desde ese momento goPrevina xa pode enviar avisos a quen teña a súa conta de Telegram vinculada.
4. Paso 5: rexistrar o webhook
Para que a vinculación de cada usuario funcione, Telegram ten que reenviar a goPrevina o /start que manda o usuario. Coa integración gardada, preme “Rexistrar webhook”: a plataforma rexístrao co enderezo público da túa API e o segredo do paso 2, e dí se Telegram o aceptou.
Telegram só acepta enderezos HTTPS accesibles desde internet; nunha instalación sen eles o rexistro falla. Sen webhook pódese enviar, pero o botón “Conectar Telegram” dos usuarios non remata a vinculación.
5. Paso 6: que cada usuario conecte o seu Telegram
Isto faino cada persoa, non o administrador. En Preferencias de notificación preme “Conectar Telegram”: ábrese o bot cunha ligazón dun só uso. Preme “Iniciar” en Telegram e a tarxeta pasa de “Non conectado” a “Conectado”. Despois marca a columna Telegram nos tipos de aviso que queiras recibir por alí.
Se “Probar Conexión” falla, revisa o token. Se a vinculación non se completa, falta rexistrar o webhook (paso 5).