Bloqueos LOTO
«Bloqueos activos (LOTO)» recolle os bloqueos de enerxía: o illamento dun equipo antes de intervir nel, para que ninguén o poña en marcha mentres se traballa. Aquí créanse, verifícanse punto a punto, aplícanse e libéranse.
1. A lista
Na demo recén sementada a lista está baleira: «Non hai bloqueos activos». Por defecto amosa os bloqueos en curso, en borrador e activos, co seu número, o equipo, o illamento (cantos puntos hai verificados, por exemplo 2/3) e o estado: Borrador en ámbar e Activo en vermello.
«Filtros» deixa ver tamén os liberados, os liberados de emerxencia e os cancelados: un bloqueo liberado é o rexistro dese illamento. O buscador atopa por equipo ou número de bloqueo; preme o número para abrir a ficha.
2. Crear un bloqueo
Preme «Novo bloqueo» (ou “Bloquear (LOTO)” na ficha dun equipo). Escolle o “Equipo” do rexistro de equipos (na demo, a cizalla CZ-3, o equipo de soldadura TIG-01 e a prensa PH-250), escribe o “Motivo ou traballo que se vai realizar” e, se queres, o “Responsable do bloqueo”, que pode ser calquera persoa do cadro de persoal.
En “Puntos de illamento” engade un por cada fonte de enerxía: “Tipo de enerxía” (eléctrica, hidráulica, pneumática, residual…), “Dispositivo de illamento” (cadeado, bloqueo de interruptor, brida cega…), “Localización do punto” e “N.º de cadeado ou etiqueta”. “Crear bloqueo” gárdao en borrador.
3. Verificar e aplicar
Na ficha do bloqueo, preme “Verificar” en cada punto despois de comprobar que non hai enerxía (tenta arrancar o equipo); indica se a enerxía residual se disipou. Queda rexistrado quen verificou e cando.
“Aplicar” pasa o bloqueo a Activo e só se habilita cando todos os puntos están verificados; mentres tanto a ficha di cantos faltan. Tampouco se aplica se o mesmo equipo xa ten outro bloqueo en curso.
4. Liberar e liberación de emerxencia
Ao rematar, “Liberar” pecha o bloqueo despois de que confirmes que o equipo pode volver ter enerxía e non hai ninguén en risco. Se hai que quitar un bloqueo con urxencia, sen ese paso, a “Liberación de emerxencia” esixe escribir o motivo e queda rexistrada á parte. O “Historial” da ficha di quen creou, verificou, aplicou e liberou.
Crear, verificar, aplicar e liberar piden permiso de edición. Se o teu rol non ten o módulo Permisos de traballo e bloqueos, ves “Este módulo está desactivado”.