Marcado CE dos equipos de traballo
Cada máquina do rexistro leva o seu “Marcado CE”: Si, Non ou Descoñecido. Segundo ese valor, o ano de fabricación e a data de comercialización, a aplicación abre as accións que tocan, avisa os responsables de prevención e cita a norma que se aplica a esa máquina.
1. Que pasa ao gardar o marcado CE
“Descoñecido” abre a acción “Verificar o marcado CE” (30 días). “Non” nunha máquina de 1995 ou posterior abre unha non conformidade grave e tres accións: retirar de uso ata resolver, solicitar ao fabricante ou provedor o marcado CE e a declaración de conformidade, e valorar a comunicación á autoridade de vixilancia do mercado. “Non” nunha máquina anterior a 1995 abre unha non conformidade propia e a verificación da adecuación ao Anexo I do RD 1215/1997, e o que a pecha é a lista de comprobación da máquina (apartado 5).
A “Norma aplicable” sae da data de comercialización ou, se non a hai, do ano: Directiva 89/392/CEE desde 1995, 98/37/CE desde o 12 de agosto de 1998, 2006/42/CE (RD 1644/2008) desde o 29 de decembro de 2009 e Regulamento (UE) 2023/1230 desde o 20 de xaneiro de 2027. Se o ano coincide cun cambio de norma cítanse as dúas.
2. Modificacións feitas pola empresa
Se en “Modificada por” escolles a empresa, a ficha pregunta “É unha modificación substancial?”. Se respondes Si, a empresa pasa a considerarse fabricante da máquina modificada (Regulamento (UE) 2023/1230, art. 3.16 e art. 18) e ao gardar ábrense tres accións: nova avaliación de riscos, marcado CE e declaración UE de conformidade.
3. Revisións periódicas (RD 1215/1997, art. 4)
Na ficha de edición indica o “Intervalo de revisión periódica (días)” e a “Próxima revisión periódica”. Na ficha da máquina, “Revisións periódicas” mostra se está ao día, próxima ou vencida; “Rexistrar revisión” garda a data, o resultado, quen a fixo e o certificado, e programa a seguinte. Unha revisión desfavorable abre unha acción correctora e non cambia a data.
Cada día avísase os administradores e responsables de prevención das revisións que vencen en 30 días ou xa vencidas, e as accións de marcado CE vencidas escálanse aos responsables de prevención.
4. Rexistro CE, indicadores, cartas e importación
Na lista de equipos, o filtro e a columna “Marcado CE”, os indicadores (sen marcado CE, sen comprobar, non conformidades CE abertas e adecuacións vencidas) e os botóns “Rexistro CE (CSV)” e “Rexistro CE (PDF)” para a Inspección de Traballo. Os mesmos indicadores están no panel de Operacións.
Nunha máquina sen marcado CE, “Cartas” xera en PDF a solicitude ao provedor e a comunicación á autoridade de vixilancia do mercado; revíseas antes de envialas. Ao importar equipos, as columnas “Marcado CE” e “Ano de fabricación” abren o mesmo seguimento que a ficha.
5. Máquinas anteriores a 1995: lista de comprobación e plan de adecuación
Nunha máquina sen marcado CE fabricada antes de 1995, a ficha mostra “Lista de comprobación dos requisitos mínimos”: os 36 puntos do RD 1215/1997 (19 do Anexo I.1, sobre o equipo en si, e 17 do Anexo II.1, sobre a súa utilización), co texto do BOE de cada un. Cada punto contéstase “Cúmprese”, “Non se cumpre”, “Non aplica”, “Sen evidencia” ou “Non se puido ver”, cunha observación e unha foto.
“Non se cumpre” pide a medida de adecuación, o responsable, a data límite e o custo estimado, e con iso abre unha acción correctora na máquina e unha liña na planificación da actividade preventiva do ano (RD 39/1997, art. 8 e 9): aí está o diñeiro do plan, e de aí saen “Plan (CSV)” e “Plan (PDF)”. Cando o punto se cumpre, a acción e a liña péchanse soas.
“Encher desde a análise” trae o que xa contestou unha análise do posto desa máquina e nunca sobrescribe o que contestases ti.
A non conformidade péchase cando todos os puntos están en “Cúmprese” ou “Non aplica”, está achegado o certificado de adecuación e unha persoa con nome asina a comprobación da eficacia coa súa data. “Sen evidencia” e “Non se puido ver” son respostas, pero non deixan pechar.